Elixir Santiago para levar a cabo estas Xornadas de Reflexión non é mera casualidade. A cidade foi escollida no marco da capitalidade española da Economía Social que durante este 2022 ostenta Compostela. Neste encontro CEPES profundou na súa estratexia para os vindeiros anos que pasa por impulsar o crecemento e a competitividade da economía social. Para o presidente de CEPES, Juan Antonio Pedreño, estas xornadas de reflexión son necesarias e oportunas para definir a estratexia de futuro da Economía Social. No contexto socioeconómico presente fai falta “ser máis competitivos, ser máis visibles e medrar para cambiar de escala”.
Pedreño tamén puxo en valor o ”momento único e excepcional” que vive a Economía Social Española e europea apuntando que “Gobernos, institucións europeas e internacionais están adoptando resolucións e iniciativas para potenciar e fortalecer no mundo este modelo empresarial”.
Durante a súa intervención, o representante da patronal da economía social española incidiu no reto marcado polo Plan de Acción Europeo de Economía Social de acadar os 22 millóns de empregos neste modelo empresarial para 2030. “Queremos medrar e cambiar de escala, non só para incrementar a competitividade das empresas, senón para que en todas as políticas públicas se contemple ás empresas de Economía Social”, explicou Pedreño.
Representantes institucionais
Ao peche da Xunta Directiva de CEPES celebrado durante estas Xornadas de Reflexión asistiron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez, e a secretaria xeral de Emprego e Economía Social, Covadonga Toca.
O alcalde compostelán, destacou que desde o Concello “existe unha gran aposta pola tecnoloxía e a investigación e por deseñar unha potente e flexible folla de ruta que afronte os desafíos do mercado”.
Recalcou durante a súa intervención que o nomeamento de Santiago como capital española da Economía Social “permite visibilizar o gran tecido empresarial da Economía Social galega, que xoga un papel fundamental na economía local”.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou os valores da economía social e sinalou que son “forza clave” do mercado laboral galego con máis de 7.000 entidades e empresas galegas das que se crearon só no último ano preto de 175 novas iniciativas.
Lorenzana destacou que a Economía Social é un modelo solidario, que antepón os beneficios sociais á rendibilidade financeira; é unha fórmula que xera un emprego máis estable e de maior calidade, inclusivo e igualitario; actúa contra las desigualdades e a favor da redistribución equilibrada dos recursos e da riqueza fortalecendo tamén a democracia institucional; é máis resiliente, xa que supera mellor situacións económicas desfavorables; e está vinculado ao territorio, comprometido coas particularidades do seu entorno e da súa comunidade. “Son todos eles valores que como a responsabilidade, a solidariedade e a igualdade coinciden cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que marca a Axenda 2030”, remarcou.
A conselleira puxo en valor a Rede Eusumo, unha iniciativa que cumpre 10 anos de traballo acompañando, formando e asesorando a todas aquelas entidades que apostan por este modelo de economía. Indicou, ademais, que Galicia demostra ser “un escenario propicio” para levar a cabo iniciativas de economía social, recordando que a Comunidade galega conta cunha lexislación específica adaptada ás súas particularidades específicas.
Para rematar, agradeceu á Confederación Empresarial Española da Economía Social (Cepes) que escollera Santiago de Compostela para celebrar a súa xunta directiva, lembrando que a cidade compostelá ostenta este ano a capitalidade española da economía social.